Co obxectivo de contribuír ao benestar dos mariñeiros en colaboración coas empresas armadoras e as institucións portuarias, Stella Maris de Vigo puxo en marcha a campaña «Gorros que non só abrigan» a través da cal, convidan a persoas particulares, a parroquias, a centros de maiores e a todas aquelas institucións que queiran colaborar, a calcetar gorros para regalar durante este Nadal aos mariñeiros que están lonxe das súas casas.
Os interesados en colaborar nesta campaña poden entregar os seus gorros calcetados a man todos os mércores, en horario de 11 a 15 horas, nas oficinas de Stella Maris situadas no edificio Portocultura de Vigo. Tamén poden poñerse en contacto coa delegación a través do correo electrónico direccion@stellamaris.org ou mediante os números de teléfono 986 202 944 e 600 314 136.
Grazas á colaboración de voluntarios, da Autoridade Portuaria de Vigo e de empresas do sector privado, o pasado ano, Stella Maris conseguiu, mediante a repartición de caixas de produtos do Nadal e gorros calcetados a mans, dulcificar a situación de illamento e ausencia familiar de 80 mariñeiros da frota de altura cuxos barcos arribaron en Vigo durante as datas festivas.