5 de Decembro de 2024

,

San Sabas
5 de Decembro de 2024

,

San Sabas

Centro de escoita

Centro de escoita

O Centro de Escoita de Vigo nace no ano 2017, promovido polo sacerdote diocesano e delegado de Pastoral da Saúde, Juan Benito Rodríguez Guerreiro, xunto a un grupo de 16 laicos, tras participar no curso de formación «Habilidades de relación de axuda no dó» impartido en Vigo por Valentín  Rodil, psicólogo e responsable da  UMI (Unidade Móbil de Intervención no dó) do Centro de Humanización da saúde en Tres Cantos (Madrid) dos Irmáns de San Camilo. Xuntos comprométense a colaborar para axudar a persoas que están a sufrir, que reclaman e necesitan ser acompañadas e escoitadas.

O 29 maio de 2018 inaugúrase oficialmente por D. Luís Quinteiro Fiuza, bispo de Tui-Vigo, o Centro de Escoita baixo a coordinación das delegacións de Pastoral da Saúde e Pastoral Familiar. Na actualidade contan cun equipo de 18 voluntarios que poñen os seus coñecementos e experiencia profesional ao servizo da sociedade.

Desde que se inaugurou ata a data (maio 2021), o Centro de Escoita logrou acompañar satisfactoriamente a 45 persoas en diferentes procesos de dó, de dificultades de relación matrimonial e familiar ou de carencias afectivas, entre outros moitos casos.

Isto foi posible grazas a tres actitudes fundamentais do equipo voluntario:

  • a comprensión  empática, que require escoita activa e resposta  empática;
  • a consideración positiva ou aceptación incondicional; e
  • a autenticidade e congruencia.

É un lugar de encontro no que se presta acompañamento emocional e orientación gratuíta a persoas que pasan por unha situación de sufrimento ou crise nas súas vidas: dó, enfermidades familiares, dificultades matrimoniais ou familiares, separación, soidade, etc.

Para poder acompañar e orientar, desde o Centro de Escoita de Vigo trabállase en tres liñas de acción:

o acompañamento en procesos de dó;

  • dificultades no ámbito das relacións familiares;
  • e o taller itinerante de dó orientado a colexios e parroquias. 

Ademais, tamén ofrecemos formación e materiais que poden axudar aos diferentes axentes pastorais da Igrexa para mellorar a atención ofrecida nas súas comunidades á xuventude, familias,  migrantes, enfermos ou, en definitiva, calquera persoa que queira e necesite iniciar un proceso de acompañamento.

Calquera persoa —independentemente da súa idade, sexo ou relixión— que estea a pasar por unha situación de sufrimento, dó ou crise na súa vida pode acceder aos servizos ofrecidos de modo gratuíto. Os encontros  desenvólvense de maneira presencial, aínda que tamén se realizan de modo telemático cando as restricións sanitarias así o indican.

Cada sesión consta dunha duración aproximada de 50 minutos, cunha periodicidade que pode ser semanal, quincenal ou mensual.

No acompañamento centrámonos sobre todo na persoa, considerando todas as súas dimensións: física, intelectual, social, emocional e espiritual. Así tratamos de exercer un acompañamento  holístico, é dicir, completo e integral, para xerar un proceso de cambio. 

O acompañamento considérase finalizado cando o acompañado desenvolveu a capacidade de enfrontarse de forma adecuada á situación de sufrimento ou crise que está —ou estaba— a vivir.

Os profesionais que traballan no Centro de Escoita fano de maneira completamente voluntaria, por tanto, gratuíta, poñendo en práctica as palabras de Xesús no Evanxeo: «Dade gratis, o que recibistes gratis» (Mt 10, 8).

Para sustentar a infraestrutura física do Centro de Escoita e a formación permanente dos voluntarios o Centro de Escoita conta co apoio da Diocese de Tui-Vigo e outras entidades colaboradoras tales como o Centro de Humanización da Saúde dos relixiosos  Camilos, a Asociación Española Contra o Cancro, a Obra Social A  Caixa e Cáritas Diocesana.

Seguindo a normativa vixente en materia de Protección de Datos, os datos facilitados no Centro de Escoita son confidenciais.

Ademais, aquilo que se expresa durante as sesións de acompañamento é absolutamente confidencial pola propia natureza do servizo de acompañamento e escoita.

Os voluntarios dispoñen de perfís profesionais vinculados á acción do Centro —psicólogos, psiquiatras, traballador social, pedagogos ou mestres, entre outros—, que realizaron un programa de formación específica sobre o proceso de acompañamento en dó segundo as bases da Metodoloxía do  Counselling  personalista e o acompañamento familiar e matrimonial sustentado na antropoloxía e psicoloxía  personalistas. Ademais, participan en accións de formación continuada ofrecida polo Centro de Humanización da saúde  san Camilo e e o Instituto da Familia e, á súa vez, realízase supervisión de casos en colaboración co programa de Atención de Enfermos Avanzados da AECC—Obra Social A  Caixa.

O Centro de Escoita está situado na Avenida García  Barbón, 29 1º B.

O Centro de Escoita nace coa vontade de atender e acompañar a todas as persoas que precisen a nosa axuda. Por iso, aínda que actualmente a atención presencial realízase en Vigo, esperamos poder ampliar paulatinamente o noso servizo a toda a Diocese

De todos os xeitos, animámosche a que contactes igualmente connosco para acordar contigo algún lugar ou mecanismo de acompañamento alternativo —por exemplo, durante o confinamento realizouse atención telefónica— ou poidamos poñerte en contacto con institucións afíns que poidan acompañarte preto do teu domicilio en prol da mellora do teu benestar.

Escribindo un correo electrónico a centroescoita@diocesetuivigo.org, ou ben chamando ao número de teléfono 627 064 918.

Entidades colaboradoras: