O Centro Diocesano de Formación Teolóxico-Pastoral “Ágora” é un organismo encargado da formación permanente na fe.
A creación
O 6 de setembro de 2006 o Bispo emérito, D. José Diéguez Reboredo,creou o organismo encargado daformación dos Axentes de Pastoral formado por D. Julio Andión Marán, D. Guillermo Juan Morado, D. Juan Luis Martínez Lorenzo, D. José Eugenio Nerga Menduiña e D. Clodomiro Ogando Durán, actuando como moderador o Delegado Episcopal para a Educación na fe D. Juan Luis Martínez Lorenzo.
Con este Decreto o Sr. Bispo facía realidade un desexo amplamente manifestado durante as Asembleas sinodais, recollido e aprobado na proposta 27 do Sínodo: “Establecer un organismo diocesano que atenda, coordine e promova a formación dos axentes de pastoral nos ámbitos: teolóxico, pastoral, litúrxico, comunitario e social”.
O nome
“Ágora” ten claras reminiscencias paulinas. Os Feitos dos Apóstolos nárrannos que durante a estancia de Paulo en Atenas “…dialogaba na sinagoga cos xudeus. E todos os días na ágora cos que acodían alí” (Feitos 17, 17). A ágora era para Atenas o centro social e científico da cidade. San Paulo converteuno tamén nun lugar onde poder dar a coñecer a Cristo. Ao elixir este nome procúrase pór de manifesto que a formación cristiá pódese impartir en moitas ágoras –a familia, a escola, o traballo, a rúa…–, e tamén que a formación non é o privilexio duns poucos, senón o dereito e o deber de todos, dispostos tamén a asumir a esixencia de colaborar na tarefa educativa dos demais.
A finalidade
Prestar un servizo á educación permanente da fe dende a profundización sistemática da mensaxe cristiá, por medio dun ensino teolóxico que eduque realmente na fe, faga crecer a intelixencia da mesma e capacite ao cristián para dar razón da súa esperanza no mundo actual.
Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestro sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acuerdo. Saber más.