26 de Abril de 2024

,

San Isidoro
26 de Abril de 2024

,

San Isidoro

IV Consello Diocesano de Pastoral

IV Consello Diocesano de Pastoral
Foto: Representantes diocesanos en la reunión mantenida el pasado 9 de julio en el Seminario Mayor San José de Vigo.

Baixo a presidencia do noso bispo, D. Luis Quinteiro Fiúza, o sábado 9 de xullo de 2022 reuniuse a Plenaria do Consello Diocesano de Pastoral no Seminario Maior de Vigo para informar sobre o desenvolvemento do proceso sinodal e para dialogar ao respecto de posibles accións concretas para poñer en marcha o vindeiro curso no Plan Pastoral 2022-23.

Despois do rezo de Tercia e da lectura da acta da xuntanza anterior procedeuse a votar a representante de CONFER na Comisión Permanente do Consello Diocesano de Pastoral, resultando elixida Dona Pilar Rullo Beteta.

Deseguido tomou a palabra o noso bispo quen, despois dunha cálida benvida e dun agradecemento a todas as persoas asistentes, destacou a importancia desta reunión de cara a propoñer accións e liñas que deben marcar o traballo pastoral. Falou da importancia de ter as cousas claras, de saber onde estamos: no corazón dun Sínodo que propón cuestións que chaman a unha renovación da Igrexa. Neste contexto hai que ler en positivo este momento eclesial.

Con respecto á experiencia sinodal da diocese, D. Luis afirmou que houbo un déficit de participación, que cómpre renovar a nosa chamada e sentir cal é a chamada para o laicado. Refírese a poñer en marcha dinámicas creativas, pois este Consello é o órgano que ten que propoñerlle ao Bispo estas dinámicas.

D. Luis desenvolveu en tres puntos a súa proposta sobre como teríamos que situarnos na nosa vida eclesial:

  1. A renovación que se propón non é inesperada, non é imprevisible, e non é unha ruptura eclesial. É unha chamada a ler os sinais dos tempos, tal e como nos di o Concilio Vaticano II. É importante ter isto claro.
  2. Hoxe non precisamos un puro activismo, senón accións dunha Igrexa comprometida coa fe. Temos que ser persoas sinceras con nós mesmas, reflexionando persoal e comunitariamente sobre a forza da fe e afondando na comuñón eclesial. Non podemos falar mal da Igrexa, non podemos criticarnos unhas persoas ás outras dentro da Igrexa. Debemos poñernos en marcha no camiño sinodal; non é mirar desde fóra, senón camiñar. Hai que vivilo.
  3. Discernir en sinodalidade a misión do laicado nun contexto de secularización do que tamén participamos as persoas que formamos a Igrexa. Hai que pedirlle ao Señor persoas laicas firmes na fe, xenerosas no compromiso e maduras na vida eclesial. Non precisamos un laicado clerical, un laicado de sancristía, senón un laicado enraizado no mundo, que saiba asumir liderados fortes nas nosas comunidades cristiás.

Despois destas alentadoras e claras palabras do noso Bispo, tomou a palabra o Vigairo de Pastoral, D. Xosé Vidal Novoa, quen cualificou o acto de clausura da fase diocesana do Sínodo celebrado o pasado domingo 8 de maio en S. Xosé de Cluny como un acto sinxelo e vivo. Destacou que un dos elementos que se visibilizou nese encontro foi a presenza de persoas migrantes, que se integraron de xeito natural nos grupos sinodais, enriquecéndoos. A xornada de clausura da fase diocesana tivo tres momentos: comezou cunha presentación sobre o proceso sinodal na nosa diocese, logo realizouse un traballo por grupos e finalmente unha celebración eucarística.

D. Xosé Vidal tamén informou á plenaria de que o pasado 11 de xuño a Conferencia Episcopal Española convocou a persoas representantes de todas as dioceses á Asemblea Final Sinodal que se celebrou en Madrid. Da nosa diocese asistiron 7 persoas, encabezadas polo Bispo. Nesa Asemblea entregouse un documento: “Síntese sobre la Fase Diocesana del Sínodo sobre la Sinodalidad de la Iglesia que peregrina en España” que hoxe se entregou a todas as persoas presentes na plenaria.

D. Xosé Vidal informou sobre este encontro en Madrid, que tivo dous momentos:

  • Un primeiro momento de presentación de testemuñas impactantes, como o dunha muller que formou grupos sinodais en xeriátricos ou o dun responsable de grupo sinodal no cárcere de Teixeiro.
  • Un segundo momento de entrega da síntese a nivel nacional. Neste sentido, destacou que as grandes liñas coinciden coas da síntese da nosa diocese:
  • A sinodalidade como a dinámica da Igrexa no futuro próximo.
  • Temas con forte resonancia no proceso sinodal: lugar da muller na Igrexa, preocupación pola escasa presenza e participación da mocidade na vida e misión da Igrexa, a familia como ámbito de evanxelización, o tema dos abusos sexuais, a necesidade de institucionalizar e potenciar os ministerios laicais e o diálogo.
  • O documento fai propostas a nivel parroquial, diocesano e de Igrexa universal. Estas propostas poden valer no camiño do novo plan pastoral.

D. Xosé Vidal presentou o documento para a reflexión que se enviou por correo electrónico o pasado 29 de xuño a todas as persoas da plenaria. Abriuse unha rolda de diálogo ao respecto das dúas liñas presentes no documento de traballo: accións en continuidade co plan cuatrienal e accións que concretan na Diocese o proceso de sinodalidade.

Rematado o diálogo, D. Xosé Vidal pediu un voto de confianza á plenaria para que a Comisión Permanente, coas propostas feitas hoxe e coas do Consello de Presbiterio, faga un borrador que logo se enviará á plenaria.

D. Jesús Martínez Carracedo, ecónomo diocesano, entregou ás persoas asistentes as contas anuais da diocese aprobadas polo Consello de Economía e comunicadas ao Consello de Presbiterio. Nunha liña de sinodalidade, transparencia e comunicación presentou no seo do Consello Diocesano de Pastoral as contas do ano 2021 e os orzamentos do ano 2022.

D. Javier Alonso Docampo comunicou que desde a Asociación Católica Española de Inmigrantes viñeron para ver os espazos que, desde a diocese, se ofreceron para acoller persoas refuxiadas de Ucraína. En concreto, viñeron ver o Colexio do Divino Maestro de Mondariz Balneario e fixeron un informe que derivaron ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. Dito Ministerio aínda non respondeu, polo que se entende que, polo de agora, non precisaron ese espazo. Con respecto á atención de persoas, afirmou que Cáritas Diocesana está en contacto coa Asociación Girasol, a quen lle ofreceron clases de español que están desenvolvendo un grupo de profesores na parroquia de Santo Tomé de Freixeiro. Tamén dixo que están en contacto co colexio das xesuitinas para que o vindeiro curso teñan lugar alí estas clases. Polo que respecta ás crianzas, desde Cáritas chegouse a un acordo con Abertal e houbo un grupo de crianzas que realizaron saídas con esta Asociación, coa que espera que tamén se poidan integrar no campamento urbano de verán. Asemade, desde Cáritas Diocesana tamén ofreceron o grupo de apoio emocional, que, polo de agora, non foi utilizado. Rematou a súa intervención informando de que Cáritas Diocesana recadou 50.000€ para Ucraína que se entregaron a Cáritas Española para os proxectos de Cáritas Internacional.

Antes de rematar a plenaria, D. Xosé Vidal informou de que con data 26 de xuño o noso bispo, D. Luis Quinteiro Fiúza, presentou a súa renuncia ao papa Francisco, pois tal e como establece o Dereito Canónico, todos os bispos están obrigados a presentar a súa renuncia ante o papa o día no que cumpran 75 anos de idade. Cando o papa lle acepte a renuncia, tal e como recolle o Artigo 29 dos Estatutos, o Consello Diocesano de Pastoral queda disolto “ipso iure” e habería que constituír un novo Consello Diocesano de Pastoral.

Remata a asemblea ás 13:40 horas.

Almudena Suárez Cerviño

Secretaria do Consello Diocesano de Pastoral

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp