A Semana do Matrimonio finalizará esta fin de semana con dous actos na cidade de Vigo: por unha banda, o templo parroquial da Inmaculada Concepción acollerá a vixilia de oración ás 18:30 horas do sábado 19 de febreiro; por outra, a eucaristía de clausura terá lugar na concatedral-basílica de Santa María ás 12 horas do domingo 20.
Con estas dúas celebracións, a delegación de Pastoral Familiar da diocese de Tui-Vigo finaliza a Semana do Matrimonio, cuxo lema «Matrimonio é +» manifesta a intención de ofrecer unha oportunidade para que os matrimonios católicos renoven o seu compromiso, así como para mostrar á sociedade a beleza do matrimonio.
Trátase dunha proposta a nivel nacional que puxo en marcha a Subcomisión para a Familia e a Defensa da Vida da Conferencia Episcopal Española e que se enmarca no contexto do Ano da «Familia Amoris Laetitia», convocado polo papa Francisco en decembro de 2020; un ano que arrincou en marzo do pasado ano coincidindo co 5º aniversario da publicación de Amoris Laetitia, a exhortación apostólica do Santo Pai que fala da beleza do matrimonio.
Desde a delegación diocesana de Pastoral Familiar, animan a todas as parellas —xa sexa casadas ou camiño a recibir o sacramento— a participar nas actividades propostas e tamén a descargarse a APP, para enriquecer a súa vida común mediante a oración e o testemuño doutras persoas que, ao longo dos anos, aprenderon a fortalecer a súa unión conxugal a pesar das adversidades da vida.