6/10/2022

,

San Bruno
6/10/2022

,

San Bruno

«Naveguemos xuntos», lema do Día das Xentes do Mar

«Naveguemos xuntos», lema do Día das Xentes do Mar

O 16 de xullo celébrase o Día das xentes do mar, coincidindo coa festa da súa patroa, a Virxe do Carmen. «Naveguemos xuntos!» é o lema deste ano, co que se une ao Sínodo 2021-2023, “Por unha Iglesia Sinodal: Comuñón, Participación e Misión”. O departamento «Stella maris» (Apostolado do Mar), dentro da Subcomisión Episcopal para as Migracións e a Mobilidade humana, foi o encargado de editar os materiais para esta Xornada.

Mons. Luís Quinteiro Fuiza, promotor de «Stella maris» (Apostolado do Mar) en España e bispo de Tui-Vigo, comeza a súa mensaxe destacando o arraigamento da festividade da Virxe do Carmen entre os homes e as mulleres do mar. “Iso é fácil de entender —puntualiza— se se pensa no perigosa e difícil que foi sempre —e segue sendo— a vida no mar”. No medio do mar, “o mariñeiro atópase só entre a auga e o infinito e é entón cando sente que rezar é unha necesidade e un consolo que lle dá fortaleza e paz”. A vida pastoral sempre foi moi activa nos pobos mariñeiros, “así como a preocupación da Igrexa polas precarias condicións de vida das xentes do mar”.

Nesta mensaxe para o Día das xentes do Mar, o tamén bispo de Tui-Vigo, lembra as desgrazas que sacoden o mundo do mar “que nos somen a todos nunha tristeza infinita, chorando sen consolo humano a tantas vítimas que se afunden nas augas e deixan ás familias esnaquizadas e sen xustiza”. E destaca o afundimento do Villa de Pitanxo en terras de Terranova que “cubriu de loito aos familiares das vítimas e puxo ante o mundo o clamor polos dereitos duns homes e mulleres que senten abandonados. En ocasións, a dor das xentes do mar sacode a conciencia do mundo e a nosa sociedade descobre con sorpresa a débeda contraída con todos eles”. Unha débeda que “esixe un compromiso activo de todos para dignificar as condicións humanas da vida no mar”.

Segundo os datos publicados pola Conferencia Episcopal Española, as 15 delegacións de Stella Maris de España —entre elas, a situada na cidade de Vigo— atenderon a un total de 6.243 mariñeiros e visitaron 5.410 barcos, o que supón que preto de 40 mil mariñeiros mercantes e pescadores beneficiáronse das visitas ofrecidas por máis dun centenar de axentes de pastoral repartidos por todo o territorio nacional. O obxectivo de Stella Maris é ofrecer ao mariño “un fogar lonxe do fogar” e atenderlles nas súas necesidades sociais, culturais, laborais e espirituais. Ademais da atención ás súas familias, especialmente no caso de poboacións mariñeiras.

Naveguemos xuntos!

Queridos irmáns e irmás:

O Apostolado do Mar Stella Maris ten entre nós o seu día grande o 16 de xullo, festa da nosa Señora do Carme, a Virxe do Carme, a nosa patroa. En todos os nosos pobos mariñeiros e nos numerosos e importantes portos da nosa xeografía hai sempre un recordo festivo dos homes e as mulleres do mar á súa patroa. Tamén en moitos pobos e parroquias do interior celébranse grandes festas para honrar á Señora do Carmelo. Esta devoción é moi intensa entre nós e adquire nas vilas mariñeiras unha riqueza sorprendente.

A tradición mariñeira da devoción carmelitana nace nos tempos modernos, pero o seu arraigamento entre os homes e mulleres do mar é tan profundo que hoxe é imposible concibir un pobo mariñeiro con historia que non teña á nosa Señora, a Virxe do Carme, marcada a lume no corazón das súas xentes. Iso é fácil de entender se se pensa no perigosa e difícil que foi sempre —e segue a ser— a vida no mar. Cando os mariñeiros entran no mar empezan unha travesía sen seguridades que han de afrontar con valentía e sen a compañía dos seus seres queridos, que quedan nas mans de Deus e da Virxe do Carme. Xa no medio mar, o mariñeiro atópase só entre a auga e o infinito e é daquela cando sente que rezar é unha necesidade e un consolo que lle dá fortaleza e paz.

A sensibilidade e a proximidade da Igrexa aos homes e mulleres do mar é algo que lle vén de sempre. Varios apóstolos eran mariñeiros curtidos nas artes pesqueiras e a expansión da evanxelización estivo ligada a tempestuosas travesías mariñas, como nos lembra san Paulo. A vida pastoral sempre foi moi activa nos pobos mariñeiros, así como a preocupación da Igrexa polas precarias condicións de vida das xentes do mar.

No século pasado naceu o Stella Maris Internacional. O Stella Maris é unha organización internacional da Igrexa católica, fundada en Glasgow en 1920 e presente en España desde 1927. O obxectivo deste apostolado é brindar á xente do mar a asistencia humana e espiritual que poidan necesitar para o seu benestar durante a súa estancia nos portos, así como o apoio ás súas familias. Esta misión realízase de maneira totalmente desinteresada e vai dirixida a todos os mariñeiros de calquera raza, nacionalidade e sexo, respectando sempre a súa cultura, relixión e pensamento.

No ano 1997 o papa san Xoán Paulo II publicou un importante documento que leva por título Carta apostólica en forma de motu proprio Stella Maris. Nesta carta o papa sae ao «encontro das esixencias da peculiar asistencia relixiosa que necesitan os homes que traballan no comercio marítimo ou na pesca, as súas familias, o persoal dos portos e de todos os que emprenden unha viaxe por mar» (Stella Maris I, 1) e actualiza as normas do Apostolado do Mar. Tamén se di nesa carta que «é dereito e deber do bispo diocesano ofrecer con solícito celo a asistencia pastoral a todos os homes do mar que, aínda que sexa durante breve tempo, residan no ámbito da súa xurisdición» (Stella Maris, XII, 1). Outro aspecto importante deste documento pontificio é a súa insistencia en que hai que promover no ambiente marítimo un espírito ecuménico.

No século XXI o Apostolado do Mar creceu moito en relación con toda a Igrexa baixo os auspicios dos papas, sobre todo a partir do XXI Congreso Mundial do Apostolatus Maris do ano 2003. A presenza da Igrexa nos Stella Maris do mundo é unha realidade chea de esperanza para todos os homes e mulleres do mar.

Hoxe o Stella Maris é o organismo eclesial que sostén e canaliza a acción misioneira e caritativa da Igrexa para as xentes do mar. A Igrexa e o papa Francisco convídannos a renovar e a fortalecer este compromiso porque entre as xentes do mar están os máis desherdados do mundo.

O traballo do mar é moi duro, en moitos casos en condicións extremas tanto físicas como psicolóxicas e espirituais. E estas condicións non só non melloraron, senón que nos últimos tempos agraváronse. Aínda non superamos de todo as críticas condicións da pandemia do COVID cando unha guerra tan horrorosa como inxusta enche a Ucraína de dor e traxedias cotiás que poñen ao mundo ao bordo dunha crise global.

De cando en cando, o mundo do mar vese sacudido por desgrazas que nos somen a todos nunha tristeza infinita, chorando sen consolo humano a tantas vítimas que se afunden nas augas e deixan ás familias esnaquizadas e sen xustiza. O afundimento do Villa de Pitanxo en terras de Terranova cubriu de loito aos familiares das vítimas e puxo ante o mundo o clamor polos dereitos duns homes e mulleres que se ven abandonados. En ocasións, a dor das xentes do mar sacode a conciencia do mundo e a sociedade descobre con sorpresa a débeda contraída con todos eles. Esta débeda esixe un compromiso activo de todos para dignificar as condicións humanas da vida no mar.

Neste momento da historia a Igrexa necesita renovar a fondo o seu compromiso para afrontar os grandes retos da dignificación do traballo humano no mar. O papa Francisco convocou un sínodo baixo o lema: «Por unha Igrexa sinodal: comuñón, participación e misión». É unha chamada para camiñar xuntos no noso compromiso cristián no mundo. O papa dinos que a situación do mundo de hoxe «pon a proba a capacidade da Igrexa para acompañar ás persoas e ás comunidades para que poidan reler experiencias de loito e de sufrimento, que cubriron moitas falsas seguridades, e para cultivar a esperanza e a fe na bondade do Creador e da súa creación» (Documento preparatorio, n. 6).

No pasado mes de maio o papa Francisco dirixía unha mensaxe á Pontificia Comisión para América Latina e dicíalles que «a sinodalidade é a dimensión dinámica, a dimensión histórica da comuñón eclesial fundada pola comuñón trinitaria». Vivimos na historia e temos que afrontar os retos do noso tempo.

Naveguemos xuntos, queridos homes e mulleres da mar, nesta esperanzadora travesía cara a un mundo do mar máis humano e máis xusto.

Que a nosa Señora e patroa, a Virxe do Carme, nos bendiga e acompañe.

+ Luís Quinteiro Fiuza

Bispo de Tui-Vigo

Promotor do Apostolado do Mar en España

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp