O sábado 19 de novembro, cunha última convocatoria nos locais parroquiais do Sagrado Corazón de Xesús para a cidade de Vigo, finalizaron as presentacións pola xeografía diocesana do novo Plan Pastoral, que busca poñer en marcha o camiño da sinodalidade a través de accións concretas. Durante este elenco de presentacións, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, estivo acompañado polo vigairo de Pastoral, José Vidal, e o delegado diocesano de Catequese, Gonzalo Otero.
O prelado de Tui-Vigo destacou que este novo Plan Pastoral para o curso 2022-2023 «foi tamén elaborado sinodalmente a través de consultas ao Consello Episcopal, ao Consello de Pastoral, etc. É dicir, non é unha cousa dun só que se sentou e púxose a reflexionar, senón que se escoitou e tratouse de canalizar este camiño de sinodalidade». Neste sentido, expresou que a Iglesia «ten que entrar nesa dinámica do concreto, por iso creo que este Plan Pastoral está moi ben feito» e, ademais, engadiu que ese intento por implementar a sinodalidade dunha maneira concreta na diocese de Tui-Vigo, «é un camiño que nos axudará a poñernos, de verdade, en camiño a todos».
Son cinco as accións propostas para levar a cabo ao longo deste curso: realizar un curso de xestión parroquial para segrares, co obxectivo de implicar aos laicos no exercicio da transparencia económica das comunidades parroquiais; promover a creación de consellos pastorais parroquiais, para o que a vigairía de Pastoral elaborará un modelo de estatutos que poida guiar a actividade destes consellos; impartir un curso de liderado pastoral e sinodalidade para sacerdotes e axentes de pastoral; crear o servizo diocesano para o Catecumenado, para preparar e acompañar a iniciación cristiá de adultos; facer unha lectura crente da realidade caritativo-social na nosa diocese, para o que se elaborará un grupo de estudo e reflexión que solicitará datos das institucións caritativas da Iglesia, cuxo resultado será publicado a final do curso pastoral.
As presentacións tamén foron un espazo para o agradecemento e a colaboración de todos os sacerdotes e axentes de pastoral que fan posible a vida da diocese. Nesa liña, José Vidal expresou o seu agradecemento e manifestou que «moitos dos que estades aquí xa participades en gran medida destas actividades diocesanas, como Ágora ou outras realidades» e animou a continuar participando xa que «sen vós, nós non podemos nada e, sen vós, a Iglesia pode pouco».
Finalmente, as presentacións han propiciado unha ocasión e un espazo para que a delegación de Catequese puidese presentar unha nova proposta: a creación dunha Escola de Catequistas que levará a cabo un total de 4 sesións repartidas entre xaneiro e abril de 2023 por distintos puntos da diocese que terán unha periodicidade mensual —para asistir, non é necesario inscribirse previamente—. Tal e como expresou o delegado de Catequese, Gonzalo Otero, «durante moitos anos funcionaron moi ben as escolas de Catequistas na cidade e nos arciprestados da diocese. Foron moitos os catequistas que asistiron e formáronse durante décadas, por iso, este curso quere facer un pequeno arranque». O calendario coas datas, horas e lugares pode consultarse na axenda da web diocesana.