Grazas ao convenio asinado coa Fundación Colexio da Virxe da Mercé que preside o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, o Centro de Formación Profesional e Promoción Rural «EFA-A Cancela» continuará contribuíndo ao desenvolvemento das persoas e do medio rural nos terreos da parroquia de Tortoreos , que a Fundación cedeu para o desenvolvemento da actividade docente do centro durante 50 anos máis. Na firma, durante a que tamén se actualizaron os estatutos, estiveron presentes os membros da xunta de goberno da fundación e representantes da asociación: o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro; o alcalde do Concello das Neves, José Manuel Alfonso; o párroco de Santiago de Tortoreos , Sergio Gómez; o párroco de Santa María das Neves, Manuel Lage; e a presidenta da Asociación «EFA A Cancela», María del Carmen Gil, acompañada de dúas vogal.
«EFA-A Cancela» é un centro docente de Formación Profesional, concertado coa Xunta de Galicia, que promove o desenvolvemento das persoas e do medio rural a través dunha formación integral de calidade, que atenda todas as dimensións da persoa. O centro nace en 1974, baixo o amparo da fundación das EFAs, nun edificio de 1912, construído e doado ao pobo por Purificación Fontán de Elduayen, marquesa viúva do Pazo da Mercé, para dotar á parroquia de Tortoreos , no concello das Neves, dun centro docente de calidade para os seus habitantes.
As orixes das EFAs, remóntanse a san Josemaría Escrivá de Balaguer, quen advertía da necesidade de promover a mellora das condicións de vida e traballo dos habitantes do medio rural baseándose na metodoloxía das Maison Familiares Rurais francesas. Na actualidade, existen máis de 1.000 EFAs repartidas por todo o mundo.