O Ano de san Xosé que o papa Francisco convocou en decembro de 2020 non pasou desapercibido na vida da Igrexa universal, tampouco no territorio eclesial da diocese de Tui-Vigo que, desde marzo deste ano, desenvolveu diversas accións para visibilizar esta celebración. Ás accións propostas pola Vigairía de Pastoral, súmase tamén a parroquia de Nosa Señora da Franqueira que, a partir do 14 de xullo e ata o 1 de setembro, dedicará os mércores a profundar na figura do pai adoptivo de Xesús durante a celebración eucarística das 18 horas.
Durante oito semanas, san Xosé acompañará á comunidade cristiá da Franqueira na súa preparación para a festa da Natividade da Virxe María, que se celebra o 8 de setembro, a través dun itinerario que se poderá seguir a través do perfil de Facebook ou da web da parroquia.
A diocese de Tui-Vigo conta con cinco templos dedicados a san Xosé e múltiples imaxes de devoción para coñecer con maior profundidade a figura do patrón da Igrexa universal a quen o papa Francisco dedicou a carta apostólica Patris Corde (Con corazón de pai) con motivo do Ano de san Xosé. Tamén se pode atopar máis información relacionada coas accións que a Vigairía de Pastoral puxo en marcha para celebrar a ocasión na web diocesana, clicando na seguinte ligazón.