O pasado mes de novembro, a comisión encargada de desenvolver o proxecto para o novo Museo Diocesano Catedralicio reuníase co bispo de Tui-Vigo, Luís Quinteiro, para presentar a redacción finalizada do documento. Dita comisión, coordinada pola catedrática da Universidade de Santiago, Marta Cendón, está formada polo deán do cabido catedralicio tudense, José Diéguez, o director do Museo da Catedral de Tui, Santiago Vega, o director do Museo Diocesano, Andrés Fuertes, o catedrático da USC, Fernando López, o arqueólogo, Juan José Perles, e os arquitectos, Juan Orozco e Iago Seara.
En decembro de 2019, a Diocese de Tui-Vigo e o cabido tudense, responsables do financiamento desta fase inicial, asinaban un convenio co departamento de Historia da arte da Universidade de Santiago de Compostela para a redacción do proxecto dun museo diocesano e catedralicio na Diocese de Tui-Vigo, enmarcado dentro do Plan Director da Catedral —finalizado en 2007 e publicado en 2015— que ten como obxectivo a posta en valor dos diferentes espazos do conxunto.
Ambos os dous museos, fundados en 1976, reúnen máis de 2.000 obras, algunhas delas participaron en recoñecidas exposicións como Pergamiño Vindel, Galiza no tempo ou as expos de Lisboa e Barcelona. De aí, a procura dunha unión que permita impulsar unha mellora na xestión de recursos capaz de xerar máis opcións expositivas creando un discurso narrativo, non só coas obras, senón tamén co conxunto arquitectónico.
Durante o último ano, a Catedral recibiu a máis de 20.000 persoas, procedentes de 43 nacionalidades diferentes, que percorreron o interior do templo, o claustro e os xardíns mediante 10 puntos explicativos que Artisplendore, empresa responsable da xestión da actual visita, puxo ao dispor do público a través de códigos QR —anteriormente ao covid, os turistas recibían unha audioguía—. Coa posta en marcha deste proxecto, a actual visita podería ampliarse creando catro novos itinerarios dentro do conxunto catedralicio —medieval, barroco, paisaxístico e catequético-litúrxico—, que se poderían complementar con outras visitas exteriores.
Iago Seara, coordinador do Plan Director, explicou que «o museo facilitaría compartir non só os valores e o discurso das exposicións, senón tamén o gozo e o acceso cultural» dos visitantes a determinados espazos da Catedral, como a sala capitular ou as torres adxuntas.
En definitiva, a unión destas dúas institucións nun só Museo Diocesano Catedralicio aspira a crear unha narrativa na que as obras expostas axuden a comprender o contexto histórico, o Conxunto Catedralicio, os vínculos con Portugal e a temática da evanxelización na Diocese, estendida alén das súas fronteiras.
Agora que a redacción do proxecto foi entregada e aprobada, ponse en marcha a segunda fase que consiste na mellora da accesibilidade e a rehabilitación tanto das cubertas do claustro, como doutras zonas do edificio para os usos museísticos interiores e exteriores. Para poder levar a cabo ditas obras, o outrora Ministerio de Fomento, agora Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, financiará o 75% dos 586.530 euros necesarios para a execución desta fase, mentres que a Diocese de Tui-Vigo, a través do bispado e do cabido, deberá responsabilizarse do 25% restante, é dicir, 146.652 euros do total.