26 de Abril de 2024

,

San Isidoro
26 de Abril de 2024

,

San Isidoro

Fidelidade e amor, na Xornada da Sagrada Familia

Fidelidade e amor, na Xornada da Sagrada Familia
Foto: El obispo de Tui-Vigo, Mons. Luis Quinteiro, junto a las parejas que renovaron sus promesas matrimoniales | © Carol B.

Trece matrimonios protagonizaron a Xornada da Sagrada Familia, que a diocese de Tui-Vigo conmemorou cunha eucaristía presidida polo bispo Mons. Luís Quinteiro, no templo parroquial do Sagrado Corazón de Xesús, durante a que renovaron as súas promesas matrimoniais para celebrar, con toda a comunidade diocesana, as súas vodas de ouro e prata: Alberto e M.ª do Carme, José e M.ª do Carme, Ernesto Antonio e M.ª do Carme, Alberto e Rosa, Manuel e Margarita, Luís e M.ª Luz, Jesús e M.ª Pilar, Antonio e Elena, Juan Manuel e Esperanza, xunto a Antonio e Elsa, festexaron os seus 50 anos como matrimonio; as 25 velas de prata sopráronas Javier e Thaily, José e M.ª do Carme, xunto a José Luis e Rosa Carolina.

Desde a monición de entrada ata as ofrendas, cada matrimonio tomou parte activa nesta celebración na que o prelado tudense convidoulles a facer memoria agradecida das súas propias vidas compartidas nas que poderían atopar, non só momentos de sufrimento, senón tamén «momentos moi fermosos de entrega, de dar sentido á vida dos demais» e lembroulles que «iso, hoxe, segue sendo actual, segue sendo tan real como a vida mesma». Neste sentido, Mons. Luís Quinteiro expresou que «os matrimonios tedes a misión de anunciar a vida de Nazaret, que toca o núcleo central da vida de Xesús», nun contexto marcado pola necesidade de procura das persoas, moitas das cales, tal e como expresou o bispo, «buscan, como vós, a fidelidade do amor». «Oxalá que sexamos capaces de transmitir esta mensaxe da familia de Nazaret a un mundo que, hoxe, necesita estas virtudes que Xesús, Xosé e María viviron sinxelamente no seu fogar», con este desexo finalizou a intervención do bispo de Tui-Vigo.

Ao finalizar, a eucaristía, o músico católico de raíces galegas e estremeñas, Rogelio Cabado, ofreceu un pequeno concerto, que comezou cun canto agradecido a Deus polo testemuño de fidelidade desas trece parellas que renovaron os seus votos matrimoniais. Ao longo do concerto, Rogelio estivo acompañado pola súa familia que tamén lle colaborou co canto.

Con esta celebración, a delegación de Pastoral Familiar da diocese de Tui-Vigo pon fin a un ano marcado pola iniciativa «Ano Familia Amoris Laeitita», que o papa Francisco convocou desde marzo do 2021 ata xuño de 2022, para conmemorar o 5.º aniversario da publicación da exhortación apostólica Amoris Laetitia, un texto que o Santo Pai dedica á beleza e á alegría do amor familiar. Froito desta iniciativa son algúns dos proxectos que marcarán este curso pastoral como a Escola de Familias promovida polas parroquias do territorio diocesano ou a exposición itinerante Amoris Laeitita, que, grazas ao traballo das cinco delegacións da provincia eclesiástica de Galicia, debulla o contido da exhortación do papa Francisco mediante o testemuño de nove matrimonios galegos.

Elena e Antonio, 50 anos casados: «Na vida, é bo ter amigos e compartir con eles»

Elena e Antonio casaron o 30 de setembro de 1972. Ao longo dese mesmo ano, outras nove parellas da súa parroquia de Santa María de Salceda contraeron tamén matrimonio. Hai 25 anos, coincidindo coas súas vodas de prata, decidiron celebrar o seu aniversario xuntos.  Desde entón, como explica Elena, «somos como familia, todos xuntos celebramos dúas comidas ao ano, unha no inverno e outra no verán», porque, como di Antonio, «na vida, é bo ter amigos e compartir con eles».

Á celebración da Xornada da Sacra Familia, asistiron ilusionados seis deses dez matrimonios que en 1972 dixeron «si quero» na igrexa de Santa María de Salceda, aínda que, previamente, o 5 de novembro de 2022 , organizaron as vodas de ouro conxuntamente coa súa comunidade parroquial de Salceda. O seu párroco, Francisco Ojosnegros, conta que «esa macro-voda  de ouro foi un momento especial, porque, como párroco, non sempre tes a oportunidade de que seis matrimonios, por iniciativa deles, queiran celebrar todos unidos as súas vodas e, ademais, non sempre con esa implicación que eles tiveron preparando a celebración, desde as ofrendas á repartición de distintos papeis coa familia. Foi unha celebración importante e emotiva, xa que foi un feito que non se adoita dar nas nosas parroquias»

Na celebración do 30 de decembro, Elena e Antonio foron os encargados de ler a oración dos fieis | © Carol B

Thaily e Javier, 25 anos compartindo o amor: «A familia que teño é un soño feito realidade»

Thaily e Javier foron os encargados de ler a monición de entrada ao comezo da celebración | © Carol B

19 de decembro de 1997 foi a data que Thaily e Javier escolleron para casar, unha data que, en Venezuela, o seu país natal, considérase «moi romántica e familiar». Desde hai 13 anos, continúan cumprindo proxectos e soños desde a cidade olívica, aínda que para Thaily «a familia que teño é un soño feito realidade».

Para superar as dificultades que a vida lles vai presentando, Javier explica que unha das claves é «ter a Deus nas nosas vidas», ao que a súa esposa engade que tratan «de funcionar como equipo en casa» e, tamén, tentan «que os anoxos sexan curtiños». Para ambos, o segredo para un matrimonio lonxevo reside, «primeiramente, en Deus. El é o centro do noso fogar e, sen el, sería todo máis difícil. Tratamos de gozar e ser felices onde esteamos, con quen estea e como esteamos; non quere dicir que sexamos conformistas, porque seguimos loitando e esforzándonos, pero se isto, hoxe, é o que temos, imos estar felices». 

Entrevista completa a Elena e Antonio e Thaily e Javier

Jornada de la Sagrada Familia 2022 | © Leandro Rivero
Con motivo de la Jornada de la Sagrada Familia, doce matrimonios renovaron sus promesas matrimoniales para celebrar sus bodas de oro y plata
« de 32 »
Facebook
Twitter
Email
WhatsApp