A Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas foi convidada, un ano máis, polo concello de Vigo e a confraría do Cristo da Vitoria para realizar unha particular ofrenda floral, elaborando unha alfombra de flores con motivo da procesión do Cristo da Vitoria, como as que se fan en Ponteareas na festa do Corpus Christi.
A alfombra de nove metros de diámetro e uns 70 metros cadrados, reproduce como motivo central, a imaxe de Cristo na Cruz tal e como o vemos na imaxe do Cristo da Vitoria; a cabeza inclinada cara abaixo e a coroa de espiñas, enmarcada nunha cenefa de cor marrón, alegoría que representa a Cruz onde foi crucificado. Está rodeada por volutas en branco e vermello, as cores da bandeira de Vigo. Ao redor, predominan dúas cores, o azul da hortensia que simboliza o mar da Ria de Vigo de onde vén a imaxe de Cristo e o verde do eucalipto, das montañas que rodean a Vigo. A alfombra foi deseñada por Andrea Estevez, Bruno Testi (alfombrista italiano) e Miguel García
Un equipo de vinte e oito alfombristas de Ponteareas desprazarase a Vigo na madrugada do 6 de agosto para a confección desta ofrenda floral na Porta do Sol
Desde a Asociación de Alfombristas Do Corpus Christi de Ponteareas, queremos agradecer ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, ao concelleiro, Ángel Rivas, á presidenta da confraría do Cristo da Vitoria, Marora Martín Caloto, e ao irmán carrero, Carlos Borras, por facer posible esta ofrenda floral ao Cristo da Vitoria.
A vila de Ponteareas, no sur da Provincia de Pontevedra, alcanzou especial renome pola celebración da festividade de Corpus Christi, onde os veciños confeccionan artísticas alfombras de flores naturais para o paso da procesión do Santísimo Sacramento
Trátase dunha obra colectiva que expresa a cultura popular das xentes de Ponteareas que, ao longo de douscentos anos, souberon conservar e promover esta celebración, recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional e acaba de ser declarada Ben de Interese Cultural Inmaterial. É pois a festa do Corpus Christi a máis representativa de Ponteareas. Esta confección das alfombras florais serviulle a Ponteareas para ser coñecida como «A vila do Corpus». Así pois, pola súa historia e tradición secular Ponteareas é «o berce do alfombrismo español».