O templo votivo do mar de Panxón acolleu, o 8 de xullo, a tradicional homenaxe de fe e devoción das catro mariñas —a armada, a mercante, a frota pesqueira e a deportiva— á virxe do Carme. Nesta ocasión, a ofrenda, durante a eucaristía presidida polo bispo Mons. Luís Quinteiro, realizouna o comandante naval de Vigo, Antonio Couce, quen expresou que «a mar é para nós unha das mellores simboloxías da liberdade, porque elixindo o rumbo que elixamos sempre poderemos chegar ao noso destino», incidindo na importancia de «elixir coidadosamente, no exercicio desa liberdade, destino e rumbo».
Ante a imaxe da patroa das xentes do mar, Antonio Couce realizou tres peticións á virxe do Carme: polos defuntos os defuntos para que «os auxilies e manteñas ao teu lado, proporcionándolles o seu ben gañado descanso». Tamén acudiu á súa patroa pedindo polos presentes «para que nos ampares sempre, para que aprendamos a respectar, querer e coidar aos nosos maiores; para que logremos sacar adiante aos nosos fillos, educándolles no amor e no respecto ao próximo, e tamén no temor de Deus». Finalmente, solicitou a protección da virxe do Carme «para que nos guíes nesta elección persoal de rumbos e camiños na vida, para que nos leven a bos portos e procúrennos éxito honorable nas nosas iniciativas; para que saibamos facer un bo uso da nosa liberdade e da nosa vida; para que xeremos benestar e amor para nós e para os demais; para que alimentemos a nosa convivencia con paz, integración e concordia».
Ao termo das palabras do comandante, dous membros da armada depositaron un centro de flores aos pés da imaxe da virxe como ofrenda en forno á patroa das catro mariñas que, cada ano, acoden ao templo de Panxón a solicitar o patrocinio da nosa Señora do Carme.
O bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, agradeceu a presenza dos fieis e das autoridades civís que acudiron á celebración eucarística. O prelado destacou as palabras do comandante: «non só é unha devoción piadosa, senón que é, como vostede ben dixo, alguén que marca o rumbo e o camiño», pedindo así á patroa dos mariñeiros que «nos axude nesta singradura do tempo presente; que nos axude a manter no noso corazón e no da nosa xente a fidelidade a Deus, que é o que dá a dignidade humana». «Oxalá —expresou Mons. Luís Quinteiro— que a nosa cultura manteña a identidade que nunca perdeu: somos irmáns que temos encontros e dificultades, pero nunca ningún irmán é máis que outro. A fe cristiá non pode perder esta loita; non pode renunciar a estar presente no medio da sociedade a través de cada un de vós, para que esta lexitimidade da fraternidade humana non perda a súa forza».
No momento das ofrendas, a delegación de Stella Maris de Vigo da diocese de Tui-Vigo ofreceu, xunto ao pan e o viño, unha coroa de flores, en nome de todas as xentes do mar que atenden nas oficinas situadas no edificio Portocultura. A celebración finalizou cun momento de adoración eucarística e a habitual procesión ata o atrio do templo onde o bispo Mons. Luís Quinteiro bendixo os mares e a todas as xentes vinculadas ao traballo do mar.
Foi no ano 1939, cando o templo votivo de Panxón celebrou por vez primeira a Ofrenda do Mar que, ademais de ser unha homenaxe das mariñas á Virxe, converteuse nunha oportunidade para revalorizar o papel dos mariños e visibilizar os graves problemas que afectan as súas vidas e familias. A Igrexa universal reforza a conmemoración do «Día das xentes do mar» que se celebra todos os anos, o 16 de xullo, facéndoo coincidir coa festa católica da Virxe do Carme.