«Un sorriso, un ollar, un abrazo amigo. Ti convidas a quedar sempre contigo. Es palabra que me di “dáme a túa man”. Vou contigo, son feliz». Co retrouso desta canción cantada por un grupo de nenos e nenas da catequese, deu comezo o acto de presentación da exposición «55 anos da Liturxia en galego (1969-2024)» que, ata o 19 de abril, acolle a parroquia do Sagrado Corazón de Xesús, en Vigo e que contou coa participación de: Silvestre Gómez, comisario da exposición; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Jesús M. Carracedo, párroco do Sagrado Corazón; e Mons. Luís Quinteiro, bispo de Tui-Vigo.
Silvestre Gómez, vicepresidente de SEPT e comisario da exposición, iniciou as intervencións cun saúdo de Francisco Domínguez, presidente de SEPT, que non puido estar presente por problemas de saúde. Gómez explicou que a exposición ten un dobre obxectivo: por unha banda, «facer un recoñecemento á xente que fixo posible que no ano 1969 aprobásese a liturxia en galego»; por outra, «mirar cara adiante» e converterse «nunha chamada de revitalización da liturxia en galego».
Nesta liña de revitalizar a lingua autóctona, tanto o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, como o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, destacaron a importancia de continuar promovendo e normalizando a lingua galega no ámbito relixioso.
Para finalizar o acto, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, expresou que «hoxe é un día para agradecer e tamén para soñar». Neste sentido, agradeceu o labor de tantas persoas que promoveron a normalización do galego na liturxia; destacou, especialmente, o traballo desenvolvido pola editorial SEPT. O prelado tudense tamén puxo de manifesto que «a lingua é un patrimonio da persoa e, por iso, temos que convidar e estimular», sempre desde o respecto, pero sabendo que «ter un idioma propio é unha riqueza absolutamente extraordinaria e os que nacimos falando nesta lingua sabemos que é un tesouro que nunca agradeceremos o suficiente».
«55 anos dá Liturxia en galego (1969 – 2024)» é un proxecto promovido pola Editorial SEPT e producido por Merlín Comunicación, co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia e o Arcebispado de Santiago de Compostela.
Composta por seis paneis, a exposición recolle o percorrido da lingua galega na liturxia durante estes 55 anos, desde a aprobación, en 1963, do uso das linguas vernáculas na liturxia no Concilio Vaticano II ata a aprobación, cinco anos máis tarde, do galego como lingua litúrxica nas dioceses de Galicia. A noticia, con gran repercusión na situación social do momento, faríase pública o 7 de xaneiro de 1969.
Parte fundamental deste acontecemento, tamén foron as primeiras traducións ao galego dos textos litúrxicos como o Misal Romano ou a Biblia que, na actualidade, o goberno galego volve editar en colaboración con SEPT, co obxectivo de levar a lingua a todas as parroquias de Galicia.