Baixo o lema «Porque ti es a peza que falta», o sábado 13 de abril , de 10:30 a 13:15 horas, no Seminario Maior «San Xosé» de Vigo, a delegación de Catequese da diocese de Tui-Vigo convoca a Asemblea Diocesana de Catequistas co obxectivo de crear un espazo de encontro para compartir experiencias, testemuños, oración e formación entre todos os axentes de pastoral involucrados na catequese que nenos e mozos reciben durante o seu proceso de iniciación cristiá en parroquias e colexios.
Nesta ocasión, a Asemblea abordará o tema das discapacidades intelectuais —como o Trastorno do Espectro Autista (TEA) ou o Trastorno por Déficit de Atención (TDA), entre outros—.A psicóloga do Seminario Menor «San Paio» de Tui, Mónica Villar, será a encargada de impartir a formación na que tratará de definir os diferentes tipos de discapacidades e as súas casuísticas, á vez que ofrecerá algunhas ferramentas e orientacións para preparar as sesións de traballo catequético. Gonzalo Otero, delegado de Catequese de Tui-Vigo, explica que se trata dunha oportunidade para coñecer como traballar, atender, recibir, acoller e integrar a todos o nenos e adolescentes con estas circunstancias que, con maior frecuencia, acoden á catequese parroquial.
Con esta Asemblea, a delegación de Catequese conclúe o traballo de formación que vén desenvolvendo desde o pasado mes de decembro a través das Escolas de Catequistas que se imparten na Ramallosa, Torneiros, Redondela e Vigo. A maiores, o sábado 4 de maio, está previsto un Encontro Diocesano de Catequese, para nenos e adolescentes.
Segundo os datos oficiais do ano 2022, na diocese de Tui-Vigo bautizáronse 1.158 nenos e nenas; recibiron a súa primeira comuñón 1.226 nenos e nenas; administrouse o sacramento da Confirmación a 452 mozos. Todo iso é posible grazas a os máis 400 catequistas que se encargan de acompañar e formar aos nenos e adolescentes que, semanalmente, acoden á catequese.