Durante a Audiencia Xeral deste mércores na Aula Paulo VI do Vaticano, o Papa Francisco concluíu o seu ciclo de catequeses sobre os Feitos dos Apóstolos reflexionando sobre a última etapa misioneira de san Paulo, na que trala travesía chea de perigos e sufrimentos chega a Roma, onde experimenta a acollida da comunidade cristiá e o consolo do Señor. “Esta é tamén”, afirmou o Santo Pai, “a viaxe do Evanxeo, que dende Xerusalén chega a Roma, de onde se estenderá ao mundo enteiro”.
Como explicou o Papa, foi na cidade eterna onde san Paulo, aínda prisioneiro, puido “recibir libremente a tódolos que viñan encontralo, aos que anunciaba o Reino de Deus e instruía no coñecemento de Cristo Xesús. Entre eles había tamén algúns xudeus, a quen traba de amosar, a partires da Lei e os Profetas, a continuidade entre a «esperanza de Israel» e a novidade de Cristo, en quen Deus cumpriu as súas promesas ao Pobo elixido”.
O Pontífice convidou así a tódolos peregrinos presentes a ler este libro bíblico, que “non se pecha co martirio de Paulo, senón coa sementeira abondosa da Palabra de Deus. A casa romana do Apóstolo, aberta a tódolos que buscaban e querían recibir o anuncio e coñecer a Xesús, é imaxe da Igrexa, que non obstante perseguida, incomprendida, pecadora e encadeada, non cansa de acoller con corazón de nai a todo home e muller, para anunciarlles o amor do Pai que se ten feito visible en Xesús”.
No seu saúdo aos peregrinos de lingua española, o Papa Francisco convidou a pedir “ao Espírito Santo que estimule en todos nós a chamada a ser evanxelizadores valentes e decididos para que, como san Paulo, vivamos a alegría do Evanxeo e convertamos os nosos fogares en cenáculos de fraternidade abertos a tódolos irmáns”.