27 de Abril de 2024

,

San Rafael Arnaiz
27 de Abril de 2024

,

San Rafael Arnaiz

Aquí estou, Señor, fágase a túa vontade

Aquí estou, Señor, fágase a túa vontade

Xornada Mundial da Vida Consagrada 2024

Co lema «Aquí estou, Señor, fágase a túa vontade» celebramos a XXVIII Xornada Mundial da Vida Consagrada, que coincide cada ano coa festa da Presentación do Señor, o 2 de febreiro. Esta Xornada lembra o don das persoas consagradas, para a Igrexa e para o mundo.

A Xornada da Vida Consagrada é unha celebración importante na nosa Diocese porque os consagrados e as consagradas entregaron a súa vida sempre, e seguen facéndoo hoxe, para manter en pé a nosa fidelidade a Cristo e para levar a cabo o compromiso eclesial con todos os homes e mulleres, especialmente, cos máis pobres. Non poderiamos entender a realidade e a historia da nosa Diocese sen a presenza constante e a radical forza renovadora da vida consagrada. Cada recuncho da nosa Diocese está marcado polo testemuño vivo de persoas consagradas que, coa súa riqueza de modos e carismas inspirados polo Espírito Santo, iluminaron a vida dos nosos fieis. A forza inspiradora da vida consagrada é un legado fundamental da nosa historia diocesana.

Os bispos da Comisión Episcopal para a Vida Consagrada dinnos na súa mensaxe deste ano que a persoa consagrada pode dicir con plena conciencia: «Aquí estou». Máis aínda, recalcan que o «aquí estou» con toda a súa forza, convértese nun “aquí estamos”. «Non só porque onde un cristián di “eu” está a dicir “nós”, senón porque o nós eclesial e  da Vida Consagrada do momento en que vivimos convídannos a ofrecernos e dispoñernos a buscar, procurar e facer a vontade divina como comunidade, como pobo de Dios en camiño».

Polo que se refire á segunda parte da oración, o «Fágase a túa vontade», explica a mensaxe dos bispos que encerra un compromiso profético para unha Igrexa sinodal en misión. Porque cada persoa consagrada recibe o amor e a chamada e a súa resposta de amor é, á vez, individual e comunitaria. Tamén explican que nesa resposta búscase facer a vontade de quen chama, fuxindo de caprichos persoais e rexeitando o pecado e, por suposto, todo delito. Por todo iso, son conscientes de que se deron faltas graves na Vida Consagrada «polas que non nos cansaremos de pedir perdón».

Dou grazas ao señor con todos vós polo don da vida consagrada á Igrexa e ao mundo. E convídovos a renovar con alegría a vosa consagración desde o máis fondo do corazón, xa sexa no ámbito das vosas Comunidades, xa na celebración diocesana que teremos na Parroquia de santo Antonio da Florida da cidade de Vigo.

Quero agradecervos toda a vosa entrega e compromiso con esta Diocese de  Tui-Vigo que é a vosa casa, como ben sabedes. Especialmente recordo e pido ao Señor polos relixiosos e relixiosas maiores que nos abriron camiños de esperanza e loitaron sen desfalecer o bo combate da fe.

Unidos na fraternidade e no gozo da esperanza.

O voso afmo. en Xesucristo

+ Luís Quinteiro Fiuza,

bispo de Tui-Vigo