18 de Xaneiro de 2025,
Santa Margarita de Hungría

Homilía con motivo do funeral de Mons. Diéguez na catedral de Tui

Homilía con motivo do funeral de Mons. Diéguez na catedral de Tui

Queridos irmáns e irmás: Sr. arcebispo e bispos, familia, sacerdotes e seminaristas, relixiosos e relixiosas, membros de asociacións apostólicas, fieis todos.

Atopámonos reunidos na nosa Catedral para lembrar ante o Señor a D. José Diéguez Reboredo, que acaba de partir á casa do Pai e que foi bispo e pastor desta diocese de Tui-Vigo durante anos moi importantes da nosa recente historia. Agradecemos á súa familia, ao Sr. arcebispo e aos Sres. bispos, aos sacerdotes e relixiosos e a todos os que quixestes compartir connosco este momento a vosa presenza e a vosa oración.

A Palabra de Deus que foi proclamada ilumina a nosa celebración e axúdanos a entrarmos na comprensión do singular esforzo apostólico que presidiu o ministerio episcopal de D. José. É a Palabra de Deus a que nos impulsa na misión e ela é tamén a que nos axuda a discernir as claves da misión realizada.

O evanxeo de San Lucas preséntanos a vida de Xesús como unha subida a Xerusalén. Os camiños de Palestina van marcando os lugares da revelación do Señor, dos seus encontros coas persoas e neses camiños é onde as persoas que se atopan con Xesús han de tomar decisións que comprometerán a súa vida para sempre. Decisións tomadas nun lugar e nun tempo ante quen define a historia e a vida. Así aconteceu a profesión de Pedro en Cesarea de Filipo.

Os salmos, como nos di san Ambrosio, posúen unha especial dozura para expresar aquilo que está impregnado da graza divina. E nada produce máis consolo que sentirse acollido paternalmente por Deus, como o expresa o salmo 23, do bo pastor. Ser en nome de Deus bo pastor é a vocación máis sublime á que alguén pode ser chamado.

A experiencia profética de Elías expresa ata que punto o ser humano pode sentir a soidade nos camiños da fe e da misión, así como a forza inesgotable que o enviado sente cando supera os medos e déixase penetrar pola suave brisa da presenza divina. Na súa fuxida da morte, Elías só encontra a paz nunca atopada na espesura da montaña divina.

D. José foi un gran pastor que tivo que tomar decisións concretas e arriscadas como Pedro e que como Elías sentiu a soidade e tamén o Señor concedeulle o gozo da suave proximidade da súa presenza.

De D. José lembro moitas cousas, pois ambos formamos parte do mesmo presbiterio. Nunca pasaba desapercibido, aínda que sempre o intentaba. De todos os meus recordos hai un que sempre se destacou sobre todos os demais e pon de relevo unha dimensión esencial da súa personalidade: a súa puntual proximidade ás persoas e ás cousas.

D. José foi profesor de matemáticas durante anos. Sería tamén delegado do Sr. arcebispo para os sacerdotes secularizados e para os que estaban a vivir ese difícil proceso e logo nomeado provicario xeral, antes ser nomeado bispo. Daba clase a todos os alumnos de bacharelato do Seminario Menor de Santiago e tiña moitas clases ao longo de cada xornada. Nos meus anos de formador deses alumnos aos que el daba clases, non lembro un día en que chegase tarde a clase. Non só non chegaba tarde, senón que antes de tocar o timbre xa estaba el, na porta, esperando. E así un día despois doutro, semana tras semana, anos.

Lembro esta dimensión da súa personalidade porque me parece importante para valorar a achega eclesial e pastoral do ministerio episcopal de D. José na diocese de Ourense, primeiro, e despois nesta de Tui-Vigo.

Despois dunha radical experiencia vital de principio e fundamento na diocese de Osma-Soria, chegou de novo D. José a Galicia como bispo de Ourense no ano 1987. Nesta diocese fora gran pastor durante moitos anos D. Anxo Temiño Saiz desde os anos anteriores ao Concilio Vaticano II. A pegada que deixaba D. Anxo en Ourense era moi profunda, pois coidara con esmero e conservara a fe dunha Igrexa con profundísimas raíces cristiás e amara con paixón aos seus sacerdotes, relixiosos e laicos. Pero os anos do postconcilio deixaran feridas profundas, sobre todo nos sacerdotes secularizados e nalgúns membros do presbiterio. Como novo bispo D. José dedicará os seus mellores esforzos a achegarse ás persoas e ás distintas realidades pastorais. Achegarase a todos, escoitará sempre, observará atentamente e sen curiosidade e paseniñamente irán consolidándose nel conviccións pastorais que, dunha maneira ou doutra, case todos coñecemos. É así como el toma a decisión de que todos sexan escoitados, de promover un diálogo eclesial enriquecedor e que supere as diferenzas e a confrontación. Non será un camiño fácil, pero el comprende que hai que escoitar e coñecer, que non hai que pecharse na lóxica dos conceptos. El será en Ourense, e tamén aquí, un bispo sempre en camiño e accesible, próximo ás persoas e ás realidades, con información de testemuña directa. E así irá nacendo de vagar un modo novo de programación pastoral que co tempo alcanzará diferentes matices.

A experiencia episcopal de D. José en Ourense marcou moito o seu modo de entender a vida da Igrexa. Cando chegou como bispo a Tui-Vigo no ano 1996 atopou unha realidade nova e moi distinta, pero no fondo marcada polas mesmas raíces cristiás multiseculares. E foi aquí, nesta diocese, onde puido continuar todo aquilo que comezara a soñar en Ourense: suscitar unha Igrexa renovada con alma de pobo de Deus, unha Igrexa curtida na contemplación do rostro de Cristo e chea de testemuñas do amor, unha Igrexa sen complexos e que serve aos máis necesitados, unha Igrexa ben administrada e exemplar na sociedade. E el sabía que esa Igrexa só era posible desde unha conversión espiritual profunda e desde un diálogo sincero e fraterno. Con esas certezas puxo en marcha en Tui-Vigo o sínodo diocesano ao que tantas forzas e ilusións entregou.

O sínodo diocesano de Tui-Vigo non tivo nada de improvisación. D. José nunca improvisou e menos en cuestións centrais da vida da Igrexa particular. Xa en Ourense pensara na posibilidade de emprender o camiño sinodal. Era algo longamente madurado na súa mente e na súa oración. A el preocupáballe moito a preparación do futuro, pensaba nese futuro e tiña a firme convicción de que as nosas dioceses necesitaban unha profunda renovación espiritual e pastoral. El fora profesor de Lóxica Matemática no Seminario Maior de Santiago e sabía, por formación, que a lóxica da identidade necesita ser complementada coa lóxica da diversidade e xa que logo a nosa pastoral debía incorporar a dimensión cambiante da nosa vida e a riqueza da diversidade nun proceso de maduración que a Igrexa particular debía facer seu, seguindo as pautas e o maxisterio do Concilio Vaticano II para toda a Igrexa. O sínodo diocesano, pois, buscaba discernir o camiño que a Igrexa debe percorrer aquí, nestes camiños e con estes medos.

A pregunta decisiva que o Señor lle fixo a Pedro fáinola tamén hoxe a cada un de nós, pero non en Cesarea de Filipo, senón en cada un dos nosos camiños, que é preciso discernir se levan a Xerusalén ou se, fuxindo da cruz, extravíannos nos nosos egoísmos. Tamén os medos de Elías aflixen a tantos hoxe e é preciso ter a coraxe de superalos acollendo o agasallo do encontro con Deus que só acontece cando se loitou o combate da fe.

Nos anos finais do século XX a Igrexa había ido centrando o núcleo do maxisterio do Concilio Vaticano II na comuñón eclesial e foi o Papa San Xoán Paulo II quen na súa carta apostólica Novo Millennio Ineunte marcou como gran desafío pastoral dos novos tempos o facer da Igrexa a casa e a escola da comuñón, promovendo unha espiritualidade de comuñón e creando pedagoxías e espazos para a comuñón. Isto supón, dicíanos S. Xoán Paulo II, “renovar a fondo as nosas estruturas ata facelas instrumentos da comuñón e facer patente a comuñón nas relacións entre Bispos, presbíteros e diáconos, entre Pastores e todo o Pobo de Deus, entre clero e relixiosos, entre asociacións e movementos eclesiais”. Esta carta apostólica, coa súa urxente chamada á renovación da Igrexa e a facer dela a casa e a escola da comuñón, son o referente determinante do documento da convocatoria de sínodo de Tui-Vigo no ano 2002.

Esta chamada á comuñón eclesial chegou ao corazón de D. José con profunda predisposición vital para recibila; a el que tanto sabía de barreiras artificiais no seo da Igrexa.  Loitou ata desfalecer pola comuñón eclesial. Facela realidade foi o gran empeño do seu ministerio episcopal na nosa diocese de Tui-Vigo, converténdose nun modelo de bispo austero, servidor e dilixente que o papa Francisco pide para a Igrexa nestes novos tempos.

D. José é e será sempre un Pastor moi amado e lembrado alí por onde pasou. Terminou os seus días na diocese que o viu nacer e que o acolleu e coidou como lle dicía el ás hermanitas dos Anciáns Desamparados que o atendían: “Só o Papa pode ser mellor coidado”.

Cando volvía á casa na tarde do seu enterro en San Miguel de Enquerentes, chamei á madre superiora da casa de anciáns de San Marcos para agradecerlle a despedida chea de agarimo a D. José e por todo o que fixeran por el nestes últimos anos. Ela respondeume: “Despedimos a un santo, coñecémolo a fondo nestes anos e Vds. deben conservar esa memoria”.

Hoxe encomendámolo á misericordia do Pai, poñémolo no colo da nosa Señora da Asunción, a nosa patroa, e dispoñémonos a non esquecer a memoria de quen tanto nos deu e nos iluminou. Amén.

 

+ Luís Quinteiro Fiuza,

bispo de Tui-Vigo