Do 6 ao 11 de xuño, Cáritas Diocesana de Tui-Vigo organizou unha serie de actos para conmemorar o Día da Caridade, que a Igrexa en España celebrou o 11 de xuño, coincidindo coa solemnidade de Corpus Christi. Nesta ocasión, o lema escollido foi: «Ti tes moito que ver. Somos oportunidade. Somos esperanza».
Os actos desta semana dedicada á caridade comezaron, nos locais parroquiais do Corazón de María, coa conferencia impartida polo teólogo, músico e pai de familia, José Laguna. O martes, ofreceu o relatorio «Do coidado á coidadanía» e, o mércores, continuou departindo baixo o título de «O coidado samaritano».
Para non interferir nas celebracións parroquiais do Día da Caridade, durante o domingo, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, presidiu a eucaristía de acción de grazas con motivo desta xornada, o xoves, 8 de xuño, na concatedral-basílica da cidade olívica. A continuación, houbo un concerto de música góspel a cargo do grupo Vigo Gospel Choir.
Baixo o lema «Ti tes moito que ver. Somos oportunidade. Somos esperanza», a Igrexa celebrou o Día da Caridade co propósito de « interpelar e convidar a tomar parte na vida social que comparten crentes e non crentes, para abrir a mente e reenfocar a mirada, para ver xuntos esoutra realidade do mundo: a de moitas persoas que non poden acceder aos mesmos dereitos, que viven en desvantaxe por moitas razóns, os que viven na tristeza, a soidade e a pobreza».