8 de Novembro de 2024

,

San Adeodato
8 de Novembro de 2024

,

San Adeodato

Igrexa polo Traballo Decente defende traballar menos para paliar a precariedade e mellorar a saúde das persoas traballadoras

Igrexa polo Traballo Decente defende traballar menos para paliar a precariedade e mellorar a saúde das persoas traballadoras

Con motivo do 1 de maio, festa de santo Xosé obreiro e Día Internacional dos Traballadores, a Comisión diocesana da Irmandade Obreira de Acción Católica (IOAC) da diocese de Tui-Vigo, que, xunto a outras entidades de Igrexa, forma parte da iniciativa Igrexa polo Traballo Decente (ITD), publica un manifesto titulado «Coidamos o traballo para coidar as personas», no que defende a redución do tempo de traballo como expresión do coidado das relacións laborais. A través deste texto, poñen o foco nas  consecuencias que as actuais condicións laborais teñen na saúde, especialmente, o impacto da sinistralidade laboral, as dificultades para conciliar a vida persoal e familiar e a cada vez máis difusa barreira entre o tempo de traballo e o tempo de lecer.

A iniciativa ITD, integrada por Cáritas, CONFER, IOAC, XEC, XOC e Xustiza e Paz, chama a «un maior compromiso para favorecer o coidado das persoas traballadoras, promovendo políticas que permitan unha conciliación real», apoiando o diálogo social para lograr a redución do tempo de traballo. Ademais, tamén solicitan que «a saúde laboral sexa un dereito fundamental para todas as persoas e que sexa prioritario en calquera contorna», conscientes de que «existe un gran número de traballadores e traballadoras que sofren condicións laborais precarias que poñen en perigo o seu benestar físico e mental».

Manifesto de ITD para o Primeiro de Maio

Coidamos o traballo para coidar as persoas

O 1 de maio de 2024, conmemoramos o Día Internacional dos traballadores e as traballadoras e a festividade de san Xosé Obreiro. Neste día, queremos poñer a mirada na necesidade de cultivar o coidado no mundo laboral para mellorar a realidade das persoas.

Na nosa sociedade non é fácil a conciliación da vida persoal e laboral, harmonizar as necesidades persoais e familiares co traballo. Algúns empregos conlevan esixencias de tempo e dedicación que dan lugar a conflitos persoais, familiares e sociais. O tempo que investimos no traballo supón entre o 40-50% do noso día, só tendo en conta unha xornada laboral de 8 horas diarias máis o desprazamento que se debe facer para chegar ao traballo. En moitas ocasións, esta porcentaxe pode verse incrementado porque non se cumpre coa desconexión dixital, que fai que se interrompa o noso descanso, provocando estrés e preocupacións.

A carencia dun bo coidado do traballo ten como consecuencia o estrés, a ansiedade e a depresión, problemas cada vez máis comúns que afectan a gran parte da poboación. A saúde laboral non só implica evitar os accidentes ou as enfermidades que poidan afectar o ser humano no ámbito do traballo, senón tamén garantir o benestar das persoas ao desenvolver a súa profesión. Polo tanto, abarca a estabilidade psicolóxica e emocional das persoas traballadoras.

Queremos lembrar as palabras do papa Francisco, na mensaxe no Cumio Mundial do Traballo da OIT (2021) “se o traballo é unha relación, entón ten que incorporar a dimensión do coidado, porque ningunha relación pode sobrevivir sen coidado. Aquí non nos referimos só ao traballo de coidados: a pandemia lémbranos a súa importancia fundamental, que quizá desatendésemos. O coidado vai máis aló, debe ser unha dimensión de todo traballo. Un traballo que non coida, que destrúe a creación, que pon en perigo a supervivencia das xeracións futuras, non é respectuoso coa dignidade dos traballadores e non pode considerarse decente. Pola contra, un traballo que coida, contribúe á restauración da plena dignidade humana, contribuirá a asegurar un futuro sostible ás xeracións futuras. E nesta dimensión do coidado entran, en primeiro lugar, os traballadores”.

Desde a iniciativa Igrexa polo Traballo Decente (ITD) reclamamos un maior compromiso en favorecer o coidado das persoas traballadoras, promovendo políticas que permitan unha conciliación real. Neste sentido, apostamos decididamente por que o diálogo social avance na redución do tempo de traballo. Reclamamos tamén, que a saúde laboral sexa un dereito fundamental para todas as persoas e sexa prioritario en calquera contorna. Hai un gran número de traballadores e traballadoras que sofren condicións laborais precarias que poñen en perigo o seu benestar físico e mental. É hora de alzar a voz e reivindicar que a saúde das persoas non se vexa comprometida en aras do beneficio económico.

 SITUACIÓNS DO MUNDO DO TRABALLO

Datos do emprego (EPA 4T2023 e Avances de accidentes de Traballo 2023, según o Ministerio de Trabajo y Economía Social):

  • O 11,76% da poboación activa non ten traballo, unhas 2.830.000 persoas.
  • A poboación activa femenina soporta unha tasa de desemprego tres décimas máis altas que a masculina, 13,36% por 10,30%.
  • Os fogares con todos os seus membros en paro sitúase no 932.000
  • A tasa de temporalidade é do 16,5%.
  • O peso do emprego parcial sitúase no 13,5% da poboación ocupada.
  • 721 persoas traballadoras morreron no seu emprego no ano 2023, mentres que 4.706 persoas sufriron siniestros de carácter grave e 659.480 leves.
  • A sinistralidade en Galicia no ano 2023, repuntou ata un 7´1% con 27.247 accidentes que xeneran baixa. Dos cales 50 foron con resultado de morte e 364 con resultado de gravidade. O índice incrementouse nun 5´14% no ano 2023.
  • A tasa do desemprego en Galicia no ano 2023,  foi do 9´15%. O número de desempregados no pasado mes de marzo  foi de 129.011 persoas. Das cales o 8´2% son homes e o 10´1% son mulleres.

Comisión Diocesana IOAC-HOAC de Tui Vigo

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp