A Guarda, Redondela e Vigo foron os lugares que, do 5 ao 7 de febreiro, acolleron a 66.º campaña «Contra a fame» de Mans Unidas na diocese de Tui-Vigo, baixo o lema «O efecto ser humano». Na súa misión por difundir a necesidade que existe nos países non desenvolvidos, a delegación estivo acompañada pola irmá Charo García Gil, da congregación Relixiosas da Asunción, que compartiu o seu testemuño como misioneira durante máis de 40 anos, no continente africano.
O martes, 6 de febreiro, no templo parroquial de María Auxiliadora en Vigo, o bispo Mons. Luís Quinteiro presidiu a eucaristía coa que se inaugurou oficialmente a campaña. Durante a súa intervención, o prelado de Tui-Vigo expresou que «o problema do noso mundo, hoxe, é un problema de solidariedade. O papa Francisco repítenolo constantemente: hai un mundo de descartados, un mundo de pobreza, que está a vivir momentos críticos». Neste sentido, exhortou aos asistentes para deixarse interpelar polo lema de Mans Unidas —«O efecto ser humano»—, porque «o home é o único que pode cambiar esta situación. Especialmente, os cristiáns temos que ser conscientes de isto para transmitir esta preocupación».
No ano 2023, a delegación de Mans Unidas de Tui-Vigo conseguiu recadar un total de 170.390,66 euros que son distribuídos entre os máis de 400 proxectos que se desenvolven en todo o mundo.
A campaña «Contra a fame» de Mans Unidas arrincará a nivel nacional o domingo 11 de febreiro, día no que as colectas dominicais serán destinadas ao labor que esta organización da Igrexa en España para a cooperación desenvolve en 55 países de África, América e Asia, o que supón un apoio directo a 1.756.037 persoas.