O domingo, 17 de decembro, o seminarista da diocese de Tui-Vigo, Miguel Fernandes, foi admitido como candidato ás Sagradas Ordes na capela do Seminario Maior «San Xosé» de Vigo, durante unha eucaristía presidida polo bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro Fiuza. Este rito é o propósito público que fan os aspirantes a recibir o sacramento da Orde, ante o bispo diocesano.
Durante a celebración, o prelado tudense expresou, dirixíndose a Miguel: «hoxe, necesitamos na nosa diocese proclamar a alegría do sacerdocio, o que sentes». Neste sentido, Mons. Luís Quinteiro tamén manifestou que a celebración era unha oportunidade para agradecer «todas as persoas que te acompañaron, que te convidaron, tantas persoas que che dixeron “adiante Miguel”, a pesar das dificultades». Tamén destacou a actitude do candidato, como «un home chamado» e comprometido coa vocación. Así, o bispo de Tui-Vigo pediu a Deus que «bendiga a vida e a vocación de Miguel, para que continúe con esa esperanza e ese gozo , que se convertan nunha ocasión para sentirnos nós chamados e enviados a chamar».
Miguel Ángel Fernandes de Andrade (Maracay, Venezuela, 1977) provén dunha familia numerosa de nove irmáns, cuxos pais de orixe portuguesa emigraron a Venezuela. É licenciado en Contadoría Pública, pola Universidade de Oriente, en Monagas, Venezuela; posteriormente, traballou como funcionario en Pao de Açucar do Grupo Auchan (Portugal). Desde setembro de 2018, tras o seu desexo de ser sacerdote, entra como seminarista no Seminario Maior «San José» de Vigo, onde realizou os estudos de Teoloxía.
Na actualidade, Miguel cursa o seu sexto ano no Seminario e agora, tras ser admitido como candidato ás Sagradas Ordes, continuará a súa formación para recibir os ministerios do lectorado e do acolitado, previos ao sacramento da Orde, primeiro como diácono e despois como presbítero.