A delegación episcopal para a Semana Santa de Vigo acaba de anunciar que Mons. Julián Barrio Barrio, arcebispo de Santiago de Compostela, aceptou a invitación do bispo de Tui-Vigo para ser o pregoeiro que anuncie este ano os actos da Semana Santa viguesa. A lectura do pregón terá lugar na concatedral-basílica de Santa María, o xoves 7 de abril quedando para máis adiante a determinación da hora exacta.
A elección do pregoeiro non foi fortuíta. Ademais do interese do bispo e os seus colaboradores por poñer en valor o sentido relixioso da Semana Santa da nosa cidade, elixindo para iso a persoas que contribúan coa súa autoridade a ese obxectivo, nun contexto marcado polo Ano Santo Xacobeo que o papa Francisco, debido á crise sanitaria provocada pola pandemia, decidiu prorrogar ata decembro de 2022. Ninguén mellor que o Arcebispo compostelán para proclamar entre nós a importancia para a vida cristiá de tantas tradicións e costumes da relixiosidade popular como son as peregrinacións, as procesións ou as sinxelas devocións da semana maior do calendario cristián.
A través da delegación para a Semana Santa de Vigo que, desde xullo de 2021, preside o avogado Carlos Borrás Díaz de Rábago, a diocese de Tui-Vigo quere dinamizar espiritualmente as manifestacións relixiosas nas parroquias do Concello vigués e impulsar as expresións de fe na semana principal do calendario cristián. Para iso estanse mantendo diversas reunións de coordinación cos párrocos da cidade, así como con diversas cofradías e asociacións de fieis, a fin de canalizar adecuadamente eses propósitos.
Ademais da organización do pregón, a delegación para a Semana Santa de Vigo traballa na programación dos distintos actos que conforman esta imprescindible cita do calendario católico, pendentes de confirmación e autorización das autoridades en función da evolución da pandemia da Covid-19.
Mons. Julián Barrio Barrio
D. Julián Barrio Barrio, nacido en 1946 en Manganeses de la Polvorosa, provincia de Zamora e Diocese de Astorga, preside a Igrexa Compostelá desde o día 25 de febreiro de 1996, por nomeamento do papa San Xoán Paulo II.