O 11 xuño, coincidindo coa solemnidade do Corpus Christi, a parroquia de San Xosé de Chandebrito estreou o «Himno ao Cristo da Vitoria de Chandebrito » composto por Mónica Balo, catedrática de Música e Artes Escénicas no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, así como doutora en Innovación e Investigación en Didáctica. O himno foi interpretado pola Banda de Música de Val Miñor , ao finalizar a eucaristía solemne das 12 horas.
A pesar de realizar unha partitura para coral polifónica a catro voces mixtas e tamén unha instrumentación para a banda que interpretou este himno o domingo, Mónica Balo explica que, para a composición, tivo moi en conta ás persoas que o interpretarán de maneira habitual: «o pobo que ten unhas características moi específicas xa que non adoitan ter coñecementos musicais —explica a compositora—. Por iso, a canción debe ter unha tesitura determinada, con xiros que posibiliten unha fácil aprendizaxe e, ademais, que sexa o suficientemente pegadiza para que sexa fiel á escritura». A letra do himno ao Cristo da Vitoria de Chandebrito, escrita por Ignacio Domínguez, foi adaptada pola actual compositora.
A traxectoria de Mónica Balo non se dirixiu especificamente polo ámbito da música sacra, polo que gozou moito «co reto que supón elaborar unha música vogal con esas características tan particulares e, sobre todo, poder asistir á súa interpretación por toda a parroquia de Chandebrito ».
Sobre a compositora, Mónica Balo
Mónica Balo é catedrática de Música e Artes Escénicas no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, así como doutora en Innovación e Investigación en Didáctica, titulada superior de Piano, Solfexo, Música de Cámara e Pedagoxía Musical ademais de profesora de Composición e Violoncelo. Natural de Lalín, conta cunha extensa traxectoria no ámbito musical e tamén na administración ao ser Asesora de Música e Artes Escénica na Xunta de Galicia e no Ministerio de Educación en Madrid. Publica habitualmente materiais relacionados co ámbito musical e didáctico e imparte cursos e relatorios en todo o territorio español.