Ao poñer en marcha a nova páxina web nesta Diocese de Tui-Vigo, é de xustiza facer unha agradecida lembranza de quen ten sido pioneiro e mantedor (webmaster) da nosa antiga páxina web durante máis de 18 anos, Serafín Dorado Núñez, recentemente finado.
Serafín, profesor de Matemáticas no Instituto da Cañiza e na viguesa Escola Universitaria de Maxisterio, foi un artesán autodidacta das páxinas web anos atrás na Diocese, no Seminario Maior, no Instituto Teolóxico…: eran páxinas con menos estética e tecnoloxía que a que hoxe inauguramos, pero teñen sido de grande axuda e utilidade práctica no pasado e en momentos históricos da diocese como por exemplo no Sínodo e noutros eventos que sería prolixo enumerar de xeito pormenorizado.
A “páxina de Serafín”, cos coindicionantes sinalados, era puntual e exacta nas informacións e sempre a calquera hora ao servizo das necesidades pastorais diocesanas. Non cabe dúbida de que, coas vantaxes da tecnoloxía actual, cómpre que a nova páxina asuma esas calidades, colocándoas ao servizo do que a actualidade dos próximos tempos vaia reclamando, como acontece co Nadal, que supera sempre ao mellor dos Adventos.
Grazas, Serafín pola túa fidelidade, a túa entrega silenciosa e humilde e a túa eficacia cotiá.
Estou seguro de que, se non tivese acaecido o seu tránsito inesperado, D. Luis houbese solicitado á Santa Sé para Serafín algunha condecoración honorífica pontificia, porque verdadeiramente foi un modelo de entrega xenerosa ao servizo das necesidades, que neste campo da comunicación urxían na nosa Igrexa Diocesana.
Grazas Serafín, descansa en paz!
Alberto Cuevas Fdez. Delegado diocesano de MCS