9 de Outubro de 2024

,

San Dionisio
9 de Outubro de 2024

,

San Dionisio

A diocese de Tui-Vigo organiza a XLI Semana de Apostolado Segrar

A diocese de Tui-Vigo organiza a XLI Semana de Apostolado Segrar

Con motivo da solemnidade litúrxica de Pentecostes e o Día da Acción Católica e o Apostolado Segrar, que a Igrexa en España celebra o 19 de maio, a delegación episcopal de Apostolado Segrar e o Consello de Laicos da diocese de Tui-Vigo organizan, do 13 ao 19 de maio, a XLI Semana de Apostolado Segrar, baixo o lema «Laicos por vocación, chamados á misión». Ademais, tamén elaborou para párrocos e fieis unha serie de materiais que poden contribuír a vivir con maior intensidade esta celebración.

O martes 14 de maio, ás 19.30 horas, nos locais parroquiais do Corazón de María en Vigo, darán comezo os actos da XLI Semana de Apostolado Segrar coa conferencia «Señor, ensínanos a orar. A oración do corazón», que impartirá o P. Carlos Mª Ruíz Saiz, relixioso eremita na parroquia de Santa María de Alba, en Pontevedra. Ao día seguinte, 15 de maio, a proposta é participar nunha experiencia de oración para a mocidade, en concreto, da Oración Xoven que, semanalmente, organiza a delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria no templo parroquial do Corazón de María; ás 20.30 horas celebrarase a eucaristía e, a continuación, o momento de oración.

A terceira proposta será a conferencia «O sínodo universal, un camiño de esperanza para a Igrexa» que impartirá Eva Fernández Mateo, presidenta nacional de Acción Católica e membro do Sínodo dos Bispos «Por unha Igrexa sinodal: comuñón, participación e misión». A conferencia terá lugar nos locais parroquiais do Corazón de María en Vigo, o xoves 16 de maio, ás 19.30 horas.

O bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro Fiuza, presidirá a vixilia diocesana de Pentecostes, o sábado 18 de maio, ás 19.00 horas, na concatedral-basílica de Santa María en Vigo. Finalmente, a XLI Semana de Apostolado Segrar clausurarase cun encontro de oración «Abertos ao Espírito» dirixido polo relixioso eremita, o P. Carlos Ruiz, na capela de Santa Tegra, na Guardia, ás 17.00 horas, do domingo 19 de maio.

Na carta enviada a párrocos, axentes de pastoral e responsables de asociacións e movementos apostólicos, Juan José González, delegado episcopal de Apostolado Segrar de Tui-Vigo, explica que as actividades seguen «a proposta do papa Francisco para a preparación do próximo Ano Xubilar, polo que oración estará presente dunha maneira especial». Neste sentido, as conferencias e iniciativas organizadas «poden axudarnos a recuperar o desexo de estar na presenza do Señor, de escoitarlle e adoralo».

día da acción católica e o Apostolado segrar

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp