20 de Maio de 2024

,

San Bernardino de Siena
20 de Maio de 2024

,

San Bernardino de Siena

A Hospitalidade de Lurdes organiza unha peregrinación diocesana ao santuario francés

A Hospitalidade de Lurdes organiza unha peregrinación diocesana ao santuario francés
Foto: Gruta de las apariciones en el santuario de Nuestra Señora de Lourdes | © Sanctuaire Notre-Dame de Lourdes

Do venres 14 ao martes 18 de xuño, a Hospitalidade da nosa Señora de Lurdes da diocese de Tui-Vigo organiza unha peregrinación ao santuario francés de Lurdes durante a que se asistirá a todos os actos oficiais e realizaranse visitas turísticas pola cidade. As persoas interesadas poden inscribirse como peregrinos ou ben como hospitalarios, axudando e acompañando aos enfermos que asistan —a organización lembra que, neste segundo caso, importan máis a boa vontade que a formación—.

A inscrición, con un prezo de 390  euros, inclúe a pensión completa en habitación compartida —o cuarto individual comporta un suplemento económico de 80 euros respecto ao prezo de inscrición— e todos os gastos desde a saída ata a chegada. En Vigo, o 14 de xuño, a saída está prevista para as 07.00 horas, desde a rúa Venezuela e, o 18 de xuño, espérase regresar á cidade olívica entre as 22:00 e as 23:00 horas —realizaranse paradas no Porriño, Ponteareas, A Cañiza e Ourense para recoller e deixar peregrinos—.

As persoas que estean interesadas en reservar praza poden facelo os luns, en horario de 18 a 20 horas, na sancristía do templo parroquial de María Auxiliadora ou a través dos números de teléfono: 986 29 15 83 ou 686 56 05 92 —na zona da Guardia, o teléfono para inscribirse é: 620 29 92 72—.

Cada día, desde hai máis de 160 anos, o Santuario da nosa Señora de Lurdes acolle a peregrinos de todo o mundo, especialmente aos máis fráxiles e sufrintes, para que todos poidan facer a experiencia da graza de Lurdes. O Santuario é a primeira rede mundial de hospitalidades ao servizo dos enfermos e conta co apoio da comunidade dos Amigos de Lurdes, formada por mecenas, benfeitor, voluntarios e organizadores de peregrinacións a Lurdes.

Desde as aparicións da Virxe María en 1858, millóns de persoas de todo o mundo acoden cada ano a Lurdes para descubrir a graza deste lugar. O santuario da nosa Señora de Lurdes é ante todo un lugar de curación dos corpos e dos corazóns, onde a xente vén rezar humildemente á que revelou o seu nome a Bernardita Soubirous: «Eu son a Inmaculada Concepción».

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp