O venres 23 de xuño, no salón de actos da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Cáritas Diocesana de Tui-Vigo organizou o II acto Empresas con Corazón, no que entregou tres recoñecementos ás empresas que, este último ano, destacaron polo seu compromiso social coa entidade; unha colaboración imprescindible para o bo desenvolvemento da actividade de Cáritas que tampouco sería posible sen o voluntariado, os socios, os doantes, os técnicos e, por suposto, as empresas.
Diversas autoridades eclesiásticas e civís deron a benvida aos asistentes a este encontro co mundo empresarial: o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro; o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra e anfitrión do acto, Jorge Cabreiros; o comisario xefe de Vigo, Ramiro José Gómez; e a delegada territorial da Xunta de Galicia, Ana Ortiz.
Tras os saúdos iniciais, deu comezo a mesa redonda «Somos oportunidade. Responsabilidade Social Empresarial», que contou coa presenza de Juan Louro, director do centro comercial Vialia; María Luz Valencia, de ONG Intermón-Oxfam; Gabriela Dorado, traballadora de Moda-Re; Yamila Rodíguez, voluntaria de Cáritas; e Miguel Freire, de desenvolvemento institucional de Cáritas. Mar Ferrero, formadora e vicepresidenta de Empresarias de Galicia, foi a encargada de moderar a mesa.
A continuación, o director de Cáritas Diocesana, Gonzalo Davila, entregou os II recoñecementos a Empresas con Corazón – Compromiso 2023.
As empresas que este ano se fixeron acredoras destes recoñecementos foron:
- Compromiso Social: Oxfam Intermon, recollido por Mariluz Valencia
- Fortalecemento de Proxectos: Valmitronic, recollido por Francisco Pino
- Responsabilidade coa Acción Social: Supermercados Froiz, recollido por Brígida Nieto, directora de Marketing e Comunicación
Cáritas Diocesana de Tui-Vigo agradeceu a presenza e o compromiso de todas as persoas que fixeron posible levar a cabo o acto do venres, converténdoo así nunha oportunidade para profundar e reflexionar sobre a importancia crecente da Responsabilidade Social no mundo da empresa. Ademais, deu o parabén a todas as empresas e entidades agraciadas cos recoñecementos Empresas con Corazón, outorgados pola institución caritativa da Igrexa.