«Venezolana de nacemento, de familia galega, con formación universitarios en empresariais e, desde hai pouco, titulada en auxiliar de enfermería», así se define Carmen, quen, hai uns anos, acudiu ao Centro de Escoita da diocese de Tui-Vigo porque se viu nunha situación, persoal e profesional, que non sabía como afrontar: «necesitaba axuda para saír adiante e poder xestionalo todo».
As redes sociais, os medios de comunicación e a súa parroquia foron as canles principais polas que Carmen descubriu o Centro de Escoita, no que a acolleu Pilar, voluntaria do centro situado na rúa García Barbón de Vigo. «No meu caso, era unha cuestión de duelo. Púxenme en contacto con eles, conteilles o caso, valorárono e, desde entón, Pilar e eu estivemos a traballar man a man», para poder xestionar o problema. Tanto o Centro de Escoita como Pilar, «axudoume —explica Carmen— a poñerme en valor, persoal e profesionalmente, a redescubrir o meu potencial; a non perder nunca a esperanza e a confiar, a non darme por vencida». A clave para esta viguesa foi a «total liberdade» desde a que foi acompañada, «sen xulgarme en ningún momento», relata.
Agora, despois das sesións de acompañamento e escoita, declara que «houbo un cambio radical para mellor, tanto no persoal como no profesional. Axudoume a quitarme moitos prexuízos, a poñerme en valor e a ser tremendamente positiva, a non virme abaixo en ningún momento». Neste sentido, Carmen afirma que «sempre hai unha luz ao final do túnel; ás veces, é un foco que te cega e, ás veces, é unha chamiña que titila».
Carmen anima a todas as persoas que necesiten axuda —independentemente do seu credo— para poñerse en contacto co Centro de Escoita, sen reticencias, porque, desde a súa experiencia, «a Igrexa non pecha as portas a ninguén e es totalmente libre para chamar e acudir a eles». De feito, Carmen declárase do «boca en boca», e «son a primeira en “ vender” este servizo que ofrece a nosa Igrexa», no que «sempre hai alguén disposto a escoitarte».
O Centro de Escoita é un lugar de encontro no que se presta acompañamento emocional e orientación gratuíta a persoas que pasan por unha situación de sufrimento ou crise nas súas vidas: duelo, enfermidades familiares, dificultades matrimoniais ou familiares, separación, soidade, etc. Para poder acompañar e orientar, desde o Centro de Escoita de Vigo trabállase en tres liñas de acción: o acompañamento en procesos de duelo; dificultades no ámbito das relacións familiares; e o taller itinerante de duelo orientado a colexios e parroquias.
Centro de Escoita de Vigo
O Centro de Escoita de Vigo nace no ano 2017, promovido polo sacerdote diocesano e delegado de Pastoral da Saúde, Juan Benito Rodríguez Guerreiro, xunto a un grupo de 16 laicos, tras participar no curso de formación «Habilidades de relación de axuda no dó» impartido en Vigo por Valentín Rodil, psicólogo e responsable da UMI (Unidade Móbil de Intervención no dó) do Centro de Humanización da saúde en Tres Cantos (Madrid) dos Irmáns de San Camilo.