O vindeiro luns, 18 de abril, ás 20 horas, o Vicesecretario para Asuntos Económicos (Xerente) da Conferencia Episcopal Española, Fernando Giménez Barriocanal, impartirá unha charla-coloquio no CLUB FARO —no edificio MARCO—, que presentará o Vigairo para Asuntos Económicos da diocese de Tui-Vigo, Jesús Martínez Carracedo.
Moita tinta gastouse en escribir sobre os diñeiros da Igrexa católica, algunhas veces, poucas, dando conta con claridade dos datos correctos, pero lamentablemente as máis das veces, referindo medias verdades, informacións imprecisas e falsidades, que parecen esconder un interesado desexo de desprestixiar á milenaria institución católica. Desinformacións dese cariz van convertendo en mito indiscutible —nun conto irreal— o que, ben explicado, resulta ser sinxelamente a necesaria normalidade dunha familia centenaria que, por numerosa, debe atender a moitas e diversas necesidades e circunstancias.
Da sinxeleza ou complexidade deste asunto, da súa realidade e tamén do novelado sobre ela, vén falar ao CLUB FARO quen está máis ao tanto sobre iso.
Fernando Giménez Barriocanal é o Vicesecretario para Asuntos Económicos (Xerente) da Conferencia Episcopal Española desde 2020, aínda que desde moito antes foi asesor en materia económico-fiscal das dioceses de España, das asociacións e fundacións católicas de ámbito nacional, así como responsable da xestión do patrimonio da Conferencia Episcopal, na que recentemente puxo en marcha o Plan de transparencia da Igrexa católica en España. É tamén Profesor Titular de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade Autónoma de Madrid e participou nas reunións cos distintos gobernos para a interpretación dos Acordos Igrexa-Estado. Por iso sábeo todo de “os contos e das contas” dos diñeiros da Igrexa.
É, ademais, presidente e conselleiro delegado de Radio Popular S.A. COPE e presidente executivo de ABSIDE MEDIA, que engloba COPE, TRECE e as súas emisoras musicais. Ten 54 anos, está casado e é pai de cinco fillos.