Onte, domingo 13, ás doce da mañá comezaba a Eucaristía na parroquia de San Martiño de Coia. Os fregueses que asistían á misa facíano cun deixe de tristeza e ilusión: por unha banda, despedían ao que fora o seu párroco durante máis de vinte e cinco anos, don Guillermo, presente na celebración; pola outra, recibían a don Fernando, que desde agora será o pastor desta comunidade.
Unha vez lido o nomeamento do novo párroco e antes de dar comezo á liturxia da Palabra, don Fernando fixo a profesión de fe e o xuramento. O noso bispo, don Luís, entregoulle o Evanxeo antes da súa lectura.
Durante a súa homilía, don Luís agradeceu a presenza dos fregueses e manifestou a súa alegría por poder contar cun novo sacerdote para a parroquia de San Martiño de Coia. Durante a homilía, o noso bispo lembrou a gran misión da Igrexa na actualidade: deixarnos convocar por Deus para crear esperanza e ilusión capaz de xerar unha vida nova.
O noso bispo convidou a don Fernando a mostrarse próximo, a facerse presente no medio das casas, das necesidades da xente, especialmente con aqueles que sofren e cos maiores. Tamén realizou unha petición: traballar na catequese.
A pesar da complexidade das circunstancias actuais ocasionadas polo coronavirus, don Luís insistiu en non abandonarse, senón en estar presentes, en continuar traballando aínda que as cousas non saian perfectas.
A celebración proseguiu coa renovación das promesas de ordenación por parte de don Fernando e coa entrega dos lugares da Celebración (a pila bautismal e o confesionario). Antes da bendición, don Fernando agradeceu a acollida da parroquia e reiterou a súa dispoñibilidade total. «Teño que reflectir a xenerosidade de Deus con todos vós e rezar para que así sexa», manifestou o novo párroco, «pero xunto ao dar, o recibir. Veño aquí para aprender como o bo mestre que non vén só a ensinar».