O Deán da Catedral da diocese comunica que o vindeiro sábado 9 de abril, ás 12 horas, o bispo Mons. Luís Quinteiro Fiuza, presidirá a toma de posesión dos dous novos cóengos do Cabildo Catedralicio, Jesús Martínez Carracedo e Juan Diz Miguélez. Aínda que se trata dun rito específico en que os membros do cabido reciben aos novos membros que entran a formar parte del, é habitual que numerosos fieis e amigos dos novos cóengos acudan a felicitarlles e acompañarlles na cerimonia, que nesta ocasión terá lugar tras o rezo da hora sexta da Liturxia das Horas, no coro da Catedral.
Juan Diz Miguélez
Nacido en Brasil, recibiu a ordenación sacerdotal nesta diocese en xuño de 1993. Desde agosto de 2021, é párroco de Santa Clara de Vigo, despois de ser durante cinco anos reitor do Seminario Maior San José de Vigo. Nos seus anos de ministerio sacerdotal foi párroco de Rebordechán, Angures, Filgueira, Baíña e Baredo; foi tamén vigairo parroquial da nosa Señora do Rocío e da Inmaculada Concepción. Impartiu clases de relixión no colexio Altamar de Vigo e foi formador do Seminario Menor de Tui, delegado de Pastoral Vocacional e membro do Consello de Presbiterio.
Jesús Martínez Carracedo
Ordenado sacerdote no ano 1997 en Tui é, desde o ano 2018, párroco do Sacro Corazón de Jesús en Vigo e vigairo de Asuntos Económicos da diocese de Tui-Vigo. Fixo estudos de Licenciatura en Pastoral da Saúde nas universidades romanas e por iso estivo vinculado algún tempo a eses labores tanto na diocese como Delegado diocesano de Pastoral da saúde e capelán dos Hospitais Xeral e Meixoeiro, así como na Conferencia Episcopal Española , na que foi director do departamento da Pastoral da Saúde (2013-2018).